Economía Circular aplicada ao territorio. Unha proposta para a Ferrería de Bogo.
A comezos do ano 2021 presentábase esta proposta aos Premios rafael Crecente de Innovación Territorial. Recuperámolo agora que vén de facerse efectiva a compra da Ferrería de Bogo por parte de Concello de A Pontenova.
ALDEAS DE BOGO: O REXURDIR INDUSTRIAL é unha proposta de innovación territorial que busca a recuperación do legado preindustrial do concello de A Pontenova (Lugo) para afrontar o futuro desde o prisma da economía circular. Partindo da rehabilitación da ‘Ferrería de Bogo’, unha instalación siderúrxica hidráulica do s. XVI situada na Fraga de As Reigadas, desenvólvese unha proposta que xunta cultura e turismo sostible, conservación e valorización do patrimonio, produción e transformación agrícola local, artesanía do ferro e autosuficiencia enerxética. A iniciativa busca avanzar na aplicación da economía circular a escala local nos territorios rurais. E para elo propón a recuperación do equilibrio ambiental que xeraba a cultura campesiña, xestora dos ciclos metabólicos e da biodiversidade que romperon hai tempo co despoboamento e o abandono. As accións propostas inclúen procesos de innovación social, o desenvolvemento do sector da bioconstrución e a reformulación do concepto de “acupuntura urbana” para traelo ao mundo da planificación rural.


O proxecto toma como factores de produción recursos do territorio actualmente desaproveitados (auga, terra, patrimonio, paisaxe, cultura, biodiversidade…) e combinámolos aproveitando os saberes e a tradición preindustrial local para adaptalos a un presente que podemos chamar postindustrial. Isto faise, ademais, en base á “análise metabólica” da zona, o que posibilita un cambio de paradigma produtivo.
OBXECTIVOS
- Recuperar o patrimonio industrial e poñelo de novo en funcionamento
- Poñer a producir as terras en desuso
- Impulsar o turismo cultural e activo
- Coidar o territorio, conservando a súa biodiversidade e a súa paisaxe
- Producir enerxía renovable para a autosuficiencia enerxética
- Xerar as condicións adecuadas para o mantemento e a creación de novas empresas no sector agroalimentario e da artesanía
- Atraer e integrar novos poboadores